Vila de Denantes
Unha serie literaria en galego. Denantes.com
Home nunha botella
Lupo levaba a traballar toda unha vida no vidro, procedía dunha familia que se viña adicando a el durante xeracións, dominaba os procesos artesanais amais de coñecer os novos materiais. Non tivera fillos, os poucos membros que conformaran a súa familia xa morreran e o seu gran amor abandonárao moitos anos atrás. A súa existencia volvérase rutineira, todos os días as mesmas caras, idénticos saúdos, sen afondar con ninguén, sen ter máis vida ca o vidro, botando a mirada cara atrás era inevitable unha sensación de perda, non se sentía realizado, atopábase preso nunha gaiola de cristal.
Os anos repousábanlle nunha alba cabeleira e unhas pronunciadas olleiras, mais aínda conservaba un vigor máis propio da mocidade, abondo para continuar cunha atolada e secreta empresa. Despois de moitos meses ateigados de interminables noites furtivas no taller, a súa gran creación estaba lista para guialo á aventura.
Os relatos de mensaxes embotelladas dende logo que non lle resultaban descoñecidos, aínda que sempre os vira como unha sorte de romántica ficción. Ata que haberá uns tres anos, paseando polo peirao nunha desapracible véspera de tormenta, un familiar son interrompeu as súas morriñentas cavilacións, contra as rochas, empurrada continuamente polas aguzadas ondas, batía con forza unha botella transparente en cuxo interior se adiviñaba un anaquiño de papel. De non ter estado el a deambular por alí naquela tarde na que a maioría da xente esperaba á treboada ao abeiro do fogar, a epístola aleatoria nunca tería chegado a destinatario, pois aquel sobre acristalado non tería resistido moitos máis impactos. A misiva resultou completamente inintelixible para el, non foi quen de sequera discernir en que lingua estaba escrita, mais as vindeiras semanas pasou as noites fantasiando co exótico lugar do que tería partido, por que situacións pasara aquel fráxil receptáculo abandonado á furia do infindo océano, quen a enviara e con que propósito. Aínda a expensas de descoñecer por sempre que mensaxe contiña, decidiu non compartir aquilo con ninguén, sentía que iso tería sido como traizoar ao remitente que lle confiara ese segredo só a el.
Entrada a madrugada, mentres a vila durmía, espertou ao burro e dispuxo a colosal botella no carro. Repasou por derradeira vez a relación de todo o que precisaba para subsistir e partiu, afouto e entusiasmado, cara a praia. No interior tiña uns depósitos de auga, alimento para os primeiros días, unhas cantas macetas con vexetais comestibles, unha pequena libraría formada por catro exemplares, unha cunquiña con miñocas, unha cana, un ganapán, uns remos, unha longa escada de corda, algúns útiles de cociña, varias lentes e outros dispositivos de cristal, un ouriñal, un par de mudas, mantas, panos, dous lapis e unha morea de diminutas botellas con cadanseu papeliño no interior; todo ben asegurado nos compartimentos tallados no propio vidro para que permanecesen no seu sitio por máis bravo que se puxese o mar. Era consciente de que a súa aventura tiña unha forte compoñente suicida, mais cómpre enfrontar á vida aínda a risco de que fuxa antes do previsto, no canto de sentarse e contemplar como se consume devagar. Por ese motivo, en previsión de que algo lle sucedese, quería levar un diario das súas vivencias, cada día liberaría nunha corrente próxima unha desas botelliñas; polo seu reducido tamaño, a nota do interior apenas era suficiente para albergar un par de ducias de palabras.
Ao chegar á praia, tombou o seu novo fogar errante e achegouno á beira a rolos, desenroscou o tapón metálico —que seguiu suxeito á botella por unha corda atada ao burato que tiña este no centro—, sacou polo bico o extremo da escada e antes de empuxar o seu invento ao mar, achegouse a unha chalana amarrada que descansaba na area, deixando a primeira das botelliñas dentro dunha nasa que había no interior. Seguiu turrando da súa embarcación contra as ondas ata que esta se ergueu polos seus propios medios, entón ascendeu pola escada e regresou ao exterior cos remos, baixou de novo ata os primeiros chanzos somerxidos, sentouse nun deles, meteu as pernas por detrás do seguinte e o corpo do anterior para manterse suxeito a ela tendo os brazos libres, e comezou a remar perdéndose na negrura da noite.
Meus veciños, decidín embarcarme na meirande, e se cadra derradeira, aventura da miña vida. Non vos preocupedes por min, son feliz. Lupo
Día 1: Malia que o mar está calmo, o meu corpo aínda non se habituou ao bambeo constante. Este malestar acentúa unha estraña saudade.
Día 2: Hoxe amañecín aínda indisposto, pero xa menos. A temperatura é agradable, o material do que está feita a botella protéxeme do sol.
Día 3: Xa puiden estrear a lareira de lupas, hoxe pesquei o primeiro peixe, delicioso. Baixo os meus pés vaga un banco de arxentas sardiñas.
Día 4: As noites son desacougantemente luminosas, das profundidades emerxen fosforescencias fantasmais, que clase de bestas as producen?
Día 5: A fresca brisa mariña arrola o meu cabelo ateigando asemade as miñas fosas nasais co seu salgado recendo. Podería habituarme a isto.
Día 6: Primeiras chuvas, conectei o sistema de recollida ao burato do tapón, puiden regar a fartura ás plantas mantendo as reservas cheas.
Día 7: O acolledor bater da chuvisca contra o vidro, deixou paso á coriscada e á marusía, despois de varios días, regresan as náuseas.
Día 8: Xa esteou, aproveito o xentil do día para a natación, cómpreme facer exercicio se non quero esmaiolar pola inactividade.
Día 9: Dóenme músculos que ata hoxe descoñecía posuír, non sei como explicalo mais o ambiente é diferente, como se todo acadase outro olor.
Día 10: Hoxe non tentarei pescar, navego nun mesto mar nebuloso que se bica co océano, de caer á auga, non daría atopado a botella de volta.
Día 11: A brétema non se esvaece, é se cadra máis espesa por momentos, se non fose polo meu reloxo de peto non discerniría día e noite.
Día 12: Despois de dous días, as primeiras raiolas de sol ábrense camiño na borraxeira, mais é unha iluminación lóbrega, teño un mal agoiro.
Día 13: Preméndome a caluga uns ollos invisibles a abesullar dende as tebras.
Día 24: Hoxe amañecín amormado entre un persistente tintinar, 10 botelliñas a flotar e bater coa grande, e son das miñas, e están baleiras!
Día 25: Todo son incógnitas, quen interceptou estas 10?, faríao tamén coas demais?, por que sigo sen lembrar o acontecido os últimos días?
Sigue o diario da aventura de Lupo en: Contos ao lusquefusque
(Source: denantes.com)
Reaccións ao segundo capítulo de Vila de Denantes
“Todavía no hemos podido recoger las impresiones del conselleiro de cultura sobre este Unha maleta ao alén, se encuentra reunido en la casa do concello.” La voz de Denantes
“Dende a obra do dramaturgo srilankés, Ahmad Malkaluf, que non vía retratada con esta franqueza a liturxia fúnebre dun pobo.” Martin Pauliño
“Como nos gusta a nós, prosa cotrosa e corpos mutilados. Haberá que seguirlle a pista.” Literatura Friki
“Ten portada e os capítulos ben configurados, entra de cabeza nos dez libros electrónicos en galego mellor editados de 2012.” Mallando no eBook
“A ambientación non está mal de todo, mais en canto a xogabilidade deixa moito que desexar. De todas maneiras, foi un acerto dar o salto aos dispositivos portátiles.” Memoria a pinseladas
“Qué tojinos, todo te lo hablan con la jota, pero bueno, mientras no salgan de la vega, no hacen mal ninguno.” Tan denantés como el denantés
“Esta semana temos no programa un par de folclóricas ás que o capítulo lles trouxo moitas lembranzas de adolescencia.” Xosé Ramón Galiña
O Rexoubeiro de Denantes
Fornecendo á vila de novas anellas dende tempos de túa tataravoa.
Contactos
Home posuidor dunha corte, busca muller con porcos para casamento e o que xurda.
(Source: denantes.com)
| Siña Telesfora: | Aldariña, mira que bo cor traes hox'. |
|---|---|
| Aldara: | Deus Santo! Xa disía eu que me notaba algho de temperatura, marcho direitiña pra cama. |
Xeroglífico
| — Oes, Xusto, a ti ghustaríache ser inmortal? | |
| — Si, home, o que me faltaba! Como se non me doesen xa abondo os cadrís... |


